domingo, 15 de mayo de 2016

O PORCENTAXE DE GRAXA, A GRAN PREOCUPACIÓN!


     Vivimos nunha sociedade na que a imaxe persoal pretende ser o reflexo do noso ser. Somos o que mostramos? Somos as prendas que vestimos? Somos o que a báscula di? e as redes sociais, e medios están máis repletas de imaxes e fotos do que se debería considerar o reflexo da nosa felicidade.
Seguindo esta liña, os profesionais da actividade física e da saúde, somo asaltados en moitos momentos con preguntas referentes ao porcentaxe de graxa corporal, Índice de Masa Corporal e outros aspectos da composición corporal que preocupan a todo o mundo, porque convertéronse en medios de avaliación física que todo o mundo manexa.
Por ese motivo, penso que é importante tomar certa perspectiva entorno a isto. O primeiro que debemos ter en conta, é que normalmente os valores de composición corporal, como o porcentaxe de graxa, son valores obtidos a partir de métodos indirectos. O único método directo é a disección de cadáveres, e polo tanto, o único método que nos da con exactitude total a cantidade de graxa e do resto de compoñentes. O resto dos métodos, é dicir, todas as información que recibimos en consultas, ximnasios e demais lugares son estimacións e polo tanto con certo erro.
Imaxino que os daredes conta, de que os valores de graxa corporal defiren moito dependendo do lugar onde vos tomen esta valoración. Un dos motivos destas diferencias parte da metodoloxía empregada.
A antropometría, é xunto coa bioimpedancia, un dos métodos máis utilizados. Non obstante cómpre ter en conta que o cálculo da composición corporal, a partir da antropometría, emprega diferentes fórmulas que utilizan diferentes variables. Una das variables, que empregan estas fórmulas para o porcentaxe de graxa, son as dobras cutáneas.
Para o cálculo do porcentaxe de graxa existen moitas fórmulas diferentes, que darán lugar a resultados moi distintos, en función das dobras cutáneas que escollan os autores. Por exemplo:
A fórmula de Faulkner (estratexia de De Rose & Guimaraes, 1980) utiliza as dobras do tríceps, subescapular, suprailiaco e abdominal. E a fórmula de Carter (1982) emprega as dobras do tríceps, subescapular, suprailiaco, abdominal, muslo e perna. As dúas fórmulas empréganse para poboación deportistas mais darán resultados moi diferentes, en función da distribución da graxa subcutánea de cada individuo.
Por este motivo, o obxectivo desta entrada e reducir a ansiedade de todas esta persoas que se senten abruadas por tanto dato. Unha boa solución, se o análise o fan por medio da antropometría, sería quedarse co valor absoluto de cada dobra cutánea e avaliar a redución directa desta, se fose necesario a redución da graxa corporal.
Non obstante, existen diferenzas individuais coas que temos que xogar. É necesario comprender que cada un é diferente e cheo de posibilidades. Isto non o esquecen nas ciencias da actividade física e do deporte, na que se ten moi en conta a correcta realización da detección de talento, e empregan as variables antropométricas como parte desta.

Nos seguintes enlaces se mostran estudios realizados no seo do Grupo Gies-10, sobre as variables antropométricas en Ximnasia Acrobática:



Yaiza Taboada Iglesias

miércoles, 11 de mayo de 2016

O IMPACTO DA CRISE NAS FAMILIAS OURENSANAS


      Durante o ano 2014, baixo a dirección do Prof. Francisco Xabier Aguiar Fernández, levouse a cabo unha investigación que pretendía verificar cál fora o impacto da crise nas familias da provincia de Ourense e cáles delas se atopan nun maior grado de vulnerabilidade e exclusión social. A equipa de investigación estivo formada ademais por Carmen Verde-Diego; Xoan Lombardero, Ana Belén Méndez, Iria Vázquez, Santiago Prado e Almudena Ferro. Para valorar a intensidade dos seus efectos, preguntóuselle, a través dun cuestionario, ás traballadoras sociais de tódolos municipios ourensáns, xa que logo son elas a primeira canle de detección das necesidades das familias que acoden aos servizos sociais a pedir axuda. A investigación completouse con entrevistas en profundidade a expertos/as en contacto coa intervención directa con familias. 
Entre os resultados, púidose constatar o gran impacto da crise nas familias ourensás que provocou, entre outros, cambios importantes nas propias estruturas e dinámicas familiares. Identificáronse  familias que retiraron aos maiores de residencias para poder sobrevivir coas súas pensións (ademais daquelas que deixaron de levalos aos centros de día por non poder asumir os co-pagos destas). Unha das consecuencias deste feito foi o retorno de moitas mulleres ao fogar para coidar novamente dos membros maiores ou dependentes da familia.
Tamén se identificaron familias ás que de pronto regresaron fillos e fillas xa independizados, algún deles coas súas propias familias formadas, a partir dunha situación de paro prolongado co conseguinte problemas da incapacidade de pagar recibos ou o propio alugueiro. As situación de “multiconvivencia” no mesmo fogar non sempre son fáciles xa que coexisten varias xefaturas de fogar no mesmo espazo, e a presión sobre os ingresos é moi grande.
Aínda así, púidose comprobar que en Ourense o impacto da crise reforzou a solidariedade intra-familiar, en especial, respecto de avoas e avós que se fixeron cargo dos seus netos e netas para permitir que os proxenitores puidesen traballar ou procurasen emprego. Esta solidariedade familiar é moi forte no ámbito rural onde as redes familiares tentan dar abrigo aos familiares máis vulnerables, alí ate onde poden.
Na investigación tamén se recolle que cada xeración evidencia unhas problemáticas propias. Os menores de 30 anos teñen moitas dificultades para insertarse laboralmente, independizarse da casa dos seus proxenitores e realizar así a súa transición á vida adulta. Esta situación impide a formación de novas familias. Pola súa parte, a franxa dos adultos sufriu intensas reducións salariais (cando non directamente o desemprego) provocando grande impacto nos menores ao seu cargo (incapacidade de pagar gastos relacionados coa escolarización –transporte, comedor- ou actividades extra-escolares). As persoas maiores de 65 anos tiveron que asumir en moitas ocasións a responsabilidade de soster ás familias dos seus fillos e fillas, a partir dunhas xa precarias e insuficientes pensións.
 Unha das conclusións da investigación foi que o sistema público de servizos sociais é claramente insuficiente para dar respostas as necesidades das familias mais impactadas pola crise: o número de profesionais de atención directa,  os recursos e as prestacións téñense reducido, mentres que creceron  as situación de emerxencia das familias. A totalidade de profesionais consultados no estudo coinciden en que a resposta ás necesidades das familias ante a crise foi moi feble e os recursos resultan insuficientes. Os concellos non tiveron capacidade de resposta para atender a veciñanza con maiores dificultades sociais. Ante esta situación as necesidades se canalizaron cara entidades do terceiro sector e mesmo iniciativas das redes informais que puxeron en marcha, por exemplo, bancos de alimentos ou de roupa.
En todo caso, segundo a investigación, os colectivos mais afectados polo impacto da crise foron  familias con fillos menores ao seu cargo, a xuventude desempregada en busca do primeiro emprego, mulleres soas con cargas familiares e familias con persoas con discapacidade e dependentes.


Carmen Verde-Diego