viernes, 16 de septiembre de 2016

ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES E RENDEMENTO ACADÉMICO


     Aproveitando o comezo dun novo curso sería bo que todos (pais, nais, educadores, etc.) reflexionásemos sobre a cuestión das actividades extraescolares e a súa influenza no rendemento académico. Pero, para abordar este tema, primeiro debemos ter claros dous puntos:
  • Que son as actividades extraescolares?
  • Que entendemos por rendemento académico?
Pois ben, as actividades extraescolares poden definirse como aquelas que se realizan fóra do horario escolar e que apoian, complementan e potencian tanto o rendemento escolar do/a alumnado/a coma o seu propio desenvolvemento persoal (RD 1694/1995; Decreto 444/1996; Moriana et al., 2006).
Estas actividades realízanse fóra do currículo escolar, serven de axuda para que as familias concilien o seu horario laboral co seu horario familiar e dependen de maneira case exclusiva das ANPAS xa que, normalmente, son as ANPAS as que realizan a oferta de actividades extraescolares do centro educativo.
En canto ao rendemento académico, este é un termo que engloba diferentes aspectos que inflúen no éxito ou fracaso escolar dun/dunha estudante, a pesares de que comunmente se acabe reducindo ás puntuacións que os/as escolares obteñen en cada unha das materias. Non obstante, o rendemento académico é un aspecto moi difícil de medir, xa que nel inflúen outros moitos factores como poden ser: a intelixencia, a motivación, aspectos socioeconómicos, a familia, o entorno, o autoconcepto, a autoestima, as reformas políticas e educativas, etc. (Muñoz & Teódulo, 1971; Edel, 2003; Carmona, Sánchez & Bakieva, 2011; Cladellas, Clariana, Badia & Gotzens, 2013).
Por tanto, poderiamos dicir que no rendemento académico inflúen tanto aspectos cognitivos como emocionais e que, para que o desenvolvemento e o rendemento dun neno ou dunha nena sexan óptimos, hase de producir un equilibrio entre a parte cognitiva e a emocional.
Unha vez aclarados ambos termos parece evidente deducir que, se o rendemento académico é un termo que se ve influenciado por un gran número de factores, as actividades extraescolares poden resultar beneficiosas, xa que estas ensinan e desenvolven moitas habilidades que os rapaces e rapazas precisan para se converter en adultos. Por exemplo: xestión do tempo; adaptación a novas situacións e contextos; persistencia; autodisciplina, autoconcepto, autosatisfacción e autoestima; responsabilidade; habilidades sociais e comunicativas; autonomía; creatividade, etc.
Sen embargo, non só se trata de que nos resulte evidente a influenza das actividades extraescolares no rendemento académico, senón que existen estudos que así o demostran. Non podemos dicir, non obstante, que as investigacións nesta materia sexan moi abundantes pero, xeralmente, os autores están chegando a unha mesma conclusión: os/as alumnos/as que realizan actividades extraescolares mixtas (deportivas e académicas ou deportivas e artísticas, sobre todo) obteñen mellores resultados educativos que os/as que só realizan actividades académicas, pero aínda así, os/as que só realizan actividades deportivas superan en resultados ós/ás que só fan actividades académicas. Sorprendente, non si?
Pero aínda hai máis, as investigacións existentes amosan un menor abandono escolar e un maior logro académico e compromiso coa escola por parte daqueles/as alumnos/as que participan en actividades extraescolares. Así mesmo, os estudos reflicten que na Educación Secundaria Obrigatoria descenden os niveis na práctica de actividades físico-deportivas, ó mesmo tempo que aumenta o consumo de substancias tales como drogas e alcohol, o cal viría a sustentar a idea dos beneficios que se obteñen a través da participación en actividades extraescolares deportivas. Ademais, o autoconcepto e a autoestima, factores que tamén se relacionan co rendemento académico dos/as estudantes, parecen verse influenciados positivamente naqueles/as alumnos/as que realizan actividades extraescolares, cos consecuentes beneficios en dito rendemento (Cladellas et al., 2013; Rasberry et al., 2011; González & Portolés, 2013; Wilson, 2009; Carmona et al., 2011; Porres, 2013).
Entón, que conclusión podemos sacar de todo isto? En primeiro lugar, que non hai actividades extraescolares boas ou malas senón que todas son beneficiosas se se axustan ó perfil do neno ou da nena. En segundo lugar, que a pesares de que non hai suficientes investigacións que estuden a influenza das actividades extraescolares na formación dos/as alumnos/as, o que si está claro é que non existen relacións negativas entre a realización de actividades extraescolares e o rendemento académico. Por estes motivos, planificar as actividades tendo en conta as necesidades dos/as cativos/as e en conxunto cos educadores favorecerá que ditas actividades complementen as carencias individuais de cada neno ou nena.

E agora...pensarás máis e mellor a que actividades extraescolares vas enviar ao teu/túa fillo/a?



Lucía Pumares Lavandeira 

No hay comentarios:

Publicar un comentario